Saturday 18 de May de 2024

O PSOE de Trazo apoia as obras incluídas no POS+2019 pero critica que se destine case o 37% do plan a gasto corrente


 

Dafonte volve a ignorar as peticións dos socialistas para repoñer a marquesiña, caída hai máis de 9 meses en Viaño Grande, alegando que 275 días despois segue sen saber de quen é competencia

O PSOE de Trazo votou esta mañá a favor da proposta presentada pola Alcaldía para o Plan Único da Deputación da Coruña POS+2019, que ascende a 655.204,73 euros e inclúe proxectos beneficiosos para a veciñanza, moitos dos cales xa foran propostos pola agrupación municipal socialista. Porén, os socialistas lamentan que un ano máis se incremente a partida reservada para gasto corrente, neste caso nun 7%, “pois as obras do POS da Deputación son practicamente as únicas obras que se fan en Trazo durante todo o ano”, apunta o concelleiro socialista, Jorge Noya Pereiro.

Así, o 36,9% da achega provincial, un total de 241.787,58 euros, será destinado a gasto corrente, 25.683,02 euros máis ca no exercicio anterior. “Que máis do 37% dos cartos do POS+2019 estean destinados a pagar soldos e gastos de mantemento, cando estes gastos deberían ser cubertos na súa maioría polo Concello de Trazo, demostra que as contas municipais non deben de estar tan saneadas como adoita fachendear o señor alcalde porque, do contrario, non desviaría tantos cartos a gasto corrente en vez de a obras”, explica Jorge Noya.

Dende a Agrupación Socialista de Trazo agradecen ás achegas da Deputación, que permitirán investir máis de 330.000 euros en conservación e arranxo de camiños no municipio, así como os 82.000 euros para o acondicionamento dos vestiarios e do almacén do polideportivo municipal. Unha cantidade á que haberá que engadir novas achegas no mes de marzo, cando estean aprobados os orzamentos do Estado. “Trazo non vai levar menos da Deputación, Trazo levaba moito menos co Partido Popular e estando o señor Dafonte na Deputación”, lembrou Jorge Noya.

Marquesiña

O concelleiro socialista aproveitou a sesión plenaria para lembrarlle ao alcalde o seu compromiso de axilizar a reposición da marquesiña caída hai máis de 9 meses en Viaño Grande. “É unha vergoña e un insulto á veciñanza que 275 días despois de que caera esa marquesiña o alcalde de Trazo diga nun pleno que aínda ten que mirar a quen lle corresponde repoñela”, asegura Jorge Noya, quen lle lembrou que “os técnicos da Deputación xa dixeron moi clariño que a reposición do mobiliario urbano é competencia única e exclusiva do Concello de Trazo, por moito que estea emprazada nunha estrada provincial.

Noya Pereiro lembra, ademais, que “a propia Deputación desmentiu publicamente ao señor Dafonte cando tentaba escorrer o bulto ante a prensa e culpar á Deputación dunha situación surrealista que pon de manifesto a nula capacidade de xestión do alcalde de Trazo e a súa total falta de empatía cuns veciños e veciñas que levan 275 días á intemperie e mollándose en días coma hoxe por agardar polo autobús”.